top of page

Gravando ó peto real

O 16 de maio de 2014, pola tarde, vimos entrar e saír a un proxenitor de peto real (Dendrocopos major) dun tobo situado dentro dun piñeiro seco na parcela 27 do polígono 12 de Ridimoas. Desde ese momento e para non interferir deixamos de ir a esa parcela pero, como queriamos compartir convosco a emoción da vida no bosque, decidimos conseguir unha boa imaxe sen poñer en risco a supervivencia das crías. Así, valéndonos da estructura metálica dun bambán e da lona do tractor montamos, de noite pechada, un escondedoiro a 20 metros de distancia. Durante unha semana, pola noite e en total silencio, fomos adiantando o escondedoiro en dirección ó niño un ou dous metros. E así, o día 30 de maio de 2014, entrando cedo no escondedoiro, o fotógrafo Mani Moretón fixo a secuencia que podedes ver a continuación.

Finalmente o escondedorio foi retirado esa mesma noite e as crías abandonaron o cubil dous días despois. Durante a crianza, os proxenitores conseguiron a totalidade dos alimentos extraendo insectos variados dos troncos das árbores próximas. Consideramos que non foron máis alá de 300m de radio con relación ó niño. Nas cebas o macho chegaba voando frontal ó burato mentres que a femia sempre pousaba no lateral oeste do tronco e despois agatuñaba ata a embocadura do burato.


Tres meses despois atopamos caído o piñeiro seco debido a que podreceu na base e non aguantou o embate dun vento forte de finais de agosto. Co tronco no chan, fendido na zona de cría dos petos, puidemos tomar as seguintes medidas en centímetros: diámetro do burato de entrada, 5; lonxitude vertical do tobo, 30; anchura do interior do tobo, 11,5. Sen dúbida foi unha árbore valiosa xa que despois de morta seguiu dando vida.



Texto: Paula Rodríguez Domínguez.


+ info sobre o peto real no apartado de Ecosistema


bottom of page