top of page

Pablo Oitabén, a persoa detrás de Ridimoas

Artigo en La Voz de Galicia que percorre a vida, a experiencia vital e profesional de Pablo "Oitabén", que o levou a fundar a asociación Ridimoas.


Grazas aos socios por facer posible que o proxecto de recuperación e estudo do bosque autóctono, en Ridimoas, continúe co seu traballo 32 anos despois da creación da nosa asociación e despois de 40 anos desde os primeiros traballos sobre o que era un bosque devastado polos incendios.

 

Pablo Oitabén: «A Ridimoas tes que adicarlle a vida porque sempre hai cousas que facer»

O proxecto de Beade conta cun bosque de preto de cincocentas hectáreas



Interesarse por cal é o espazo co que Pablo Oitabén se sente identificado ou está vencellado a algunha lembranza ou momento especial da súa vida é unha pregunta retórica. Ridimoas e el son a mesma cousa, un proxecto que nunca tal imaxinou e que rematou por ser unha experiencia da que se senten particularmente fachendosos todos os que coñecen este espazo e os 1.162 socios que fan as súas achegas para manter vivo o proxecto e ir desenvolvendo novas iniciativas.


Mais non todo foi tal na vida de Pablo Rodríguez Fernández. Como todos os rapaces de Beade do seu tempo formouse na escola unitaria do pobo, para pasar logo ao Instituto Laboral Martínez Vázquez, de Ribadavia. Despois dos cinco anos de rigor fixo Maxisterio por libre. Logo de desfacerse da mili -«fixen o campamento en Parga e nunca pisei terra, estaba todo cuberto de neve. Logo vin para o cuartel de San Francisco e estaba na plana maior (ri)», sinala- e como queira que en Galicia non se convocaban oposicións tirou para Barcelona. «Daquela alí había traballo, polo que falara con amigos que marcharan, e pareceume unha boa opción».


En Cataluña só botou un curso -o ano lectivo 1975-1976- e logo volveu para Ourense. Comezou na Universidade Laboral ao ano seguinte e foi, aínda que pouco tempo, un daqueles famosos PNN (Profesor Non Numerario). Lembra como unha anécdota cando sacou a praza de Secundaria nunhas multitudinarias oposicións en Alcalá de Henares e o feito de que o proxecto de Ridimoas tivo o seu comezo na Laboral, onde estivo do curso 1976-1977 ata o ano 1990, data na que se incorpora como docente no mesmo centro de Ribadavia onde estudou de mozo: o actual IES O Ribeiro.


«Radio Nacional e TVE tiñan unha actividade a nivel nacional, a Lexión Verde, que estaba dotada cuns premios moi bos», lembra. E así foi como comezaron cun proxecto de recuperación de montes queimados e plantación de árbores. Como Beade era o territorio que coñecía, e onde podía haber xente que lles deixase desenvolver esta experiencia, alí encetou todo. Eran tempos espartanos e de poucas comodidades: «Os rapaces, que eran internos, viñan en autobús -no meu coche non había sitio para todos- os venres pola tarde e marchaban o domingo. Montabamos as tendas, e pasabamos un frío que non che conto», lembra. Garda as imaxes e os álbums de todos aqueles anos e recorda algúns nomes daqueles rapaces que participaron nos primeiros proxectos, entre outros o actual conselleiro de Economía da Xunta ou o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.


O esforzo tivo premio, moitos e de especial relevancia, e as Aulas Verdes -Oitabén trocou o nome ao terceiro ano para desfacerse da Lexión, de connotacións marciais- remataron por ser a asociación Ridimoas en 1988. Un ano despois mercaron a súa primeira parcela, a que deu nome á experiencia: «Era un dos primeiros terreos que tiñamos recuperado: unha zona de algo máis de 6.000 metros cadrados que ardía todos os anos. A paraxe na que está chamase así, Ridimoas, e ese foi o nome que lle demos ao proxecto».

 

Da aula pendente aos cazadores


A experiencia que comezou nos anos 70 na Universidade Laboral tivo moitos campos de acción -entre outros a recuperación das rapaces tiroteadas polos cazadores- e hoxe é un exemplo de compromiso coa natureza. O bosque ocupa preto de 500 hectáreas, entre as mercadas e as xestionadas por cesión dos propietarios, e Oitabén recoñece que manter o proxecto require moito traballo. «A Ridimoas tes que dedicarlle a vida porque sempre hai cousas que facer, todos os días do ano. Tes que estar a tempo completo: hai que limpar, no verán ter conta cos incendios, neste tempo vixiar aos furtivos, recoller a documentación para facer os trámites das parcelas que se mercan, agora estamos traballando coa Xunta para incluír este espazo no catálogo de masas frondosas de Galicia... non se pode parar», sinala.


Crear a aula de interpretación pendente e protexer o bosque dos cazadores furtivos, o gran cancro de Ridimoas, son dúas das cousas nas que centran os esforzos de Pablo Oitabén.

 

Quen é. Profesión. O seu espazo.


Quen é. Pablo Rodríguez Fernández, Oitabén, naceu en Beade en 1950.


Profesión. Sempre se dedicou ao ensino. Comezou de mestre en Barcelona. Voltou para Galicia ao incorporarse á Laboral e logo pasou ao instituto de Ribadavia, o actual IES O Ribeiro, onde foi profesor de Pástica. Xubilouse no 2011.

O seu espazo. Beade e Ridimoas son os sinais identitarios de Oitabén. O bosque é a súa vida e un proxecto que centra todos os seus esforzos.

 

Oitabén, un apelido familiar perdido como sinatura de artista


Pablo Oitabén nunca tal foi, mais sempre exerceu como un Oitabén en homenaxe ás mulleres da familia. Cando o mozo de Beade marchou a un estudo a Vigo para dar resposta ás súas inquedanzas artísticas alá o levou a súa nai. Daquela o único teléfono que había en Beade era o da centralita, e a nai tivo que deixar un teléfono e unha referencia de contacto por se había algún imprevisto.

E aí foi onde comezou todo. «Os que estabamos naquel estudo expoñiamos logo nas Galerías Durán, da rúa Príncipe de Vigo. O Oitabén perdérase, tíñao miña avoa Matilde, pero as súas fillas xa eran Fernández Oitabén. E dixéronme que asinase os cadros como Oitabén, que era máis artístico e con máis proxección que Rodríguez. Así o fixen e dende aquela son Pablo Oitabén». Unha circunstancia da que se sente particularmente satisfeito: «É unha homenaxe á miña nai e ás mulleres da familia, que levaron o apelido Oitabén», sinala Pablo Rodríguez Fernández.



Texto: Xosé Manoel Rodríguez

Foto: Santi M. Amil


bottom of page