top of page
Buscar

O declive das Águias Reais no Xurés

  • Paula Rodríguez Domínguez
  • 16 oct 2020
  • 2 Min. de lectura

Durante os incendios deste verán no parque do Xurés, recordamos o vínculo que compartimos na orixe de Ridimoas con este parque e a perda de biodiversidade que supón cada lume e cada ataque aos espazos protexidos; e recordamos como hai xa moitos anos o extenso espazo do Xurés era unha esperanza para a preservación de distintas especies, como as aguias reais que criaban alí, e como finalmente non foi posible salvalas.


Compartimos convosco un pouco da nosa memoria, de como foi o declive da biodiversidade e das AGUIAS REAIS NO XURÉS.


Cando a finais dos anos 70 do século XX a Xefatura Provincial do ICONA (Instituto para la Conservación de la Naturaleza) centrou a súa atención no Xurés, foi para salvar primeiramente ás últimas aguias reais (Aquila chrysaetos) que alí sobrevivían, e amparar o Parque Nacional portugués, ampliando a área protexida na parte galega.


Naquela época, Pablo Oitabén, presidente de Ridimoas, era profesor na universidade laboral de Ourense, donde dirixía a Lexión Verde, actividade extraescolar con alumnos, que desenvolveu moitas actividades medioambientais (así naceu a nosa asociación).


No ano 1980, na semana do 27 de marzo ao 8 de abril, Pablo e os alumnos puideron ir ata o Xurés a estudar as aguias, coa colaboración do científico e técnico do Parque do Gêres, Miguel Alves Pimenta, e grazas ao apoio de Eduardo Olano Gurriaran, promotor desta actividade e Xefe provincial en Ourense do ICONA.


Pero a realidade foi que coa posterior transferencia da competencia á Autonomía de Galicia e trala declaración do Parque Natural na parte ourensá, as cousas empeoraron para a conservación do espazo, afectando tamén á parte portuguesa.


Acosadas ata o exterminio, a última parella reprodutora de aguias reais observada, foi na parte portuguesa, censada por Pablo e Miguel Alves Pimenta na Serra do Ramiscal o día 3 de xullo de 1985, na zona do Castro Laboreiro. Alí, nunha zona de moi difícil acceso, viron como unha femia alimentaba a dúas crías, cun coello traído da parte alta da meseta.


Despois desta derradeira observación, a presión cinexética sobre a especie e sobre as fontes de alimento, xunto co expolio de niños, veleno e alteración do hábitat, puxeron fin á Aquila chrysaetos homeyeri neste grande escenario montañoso que constituía un reduto marxinal da especie.

Os compoñentes da Lexión Verde no estudo das aguias foron: Concepción Domínguez Domínguez Conrado Fresno Castaño Alfonso Fernández González Manuel Carballeira Rivas Serafín Jesús González Prieto José Manuel Bouzo Limia José Castro Losada Pablo Oitabén

Manuel Castro Losada, xunto a unha aguia real inmatura do Xurés, abatida a tiro na Illa. Disecada perto de Bande. Data: 7 de abril de 1980.

Serafín Jesús González Prieto, fotografando un cebo envelenado, no Xurés, perto da Mina de Sombras. Data: 3 de abril de 1980.

 
 
 

Comments


bottom of page