top of page

ASEMBLEA RIDIMOAS 2024

Se es socia/o de Ridimoas, xa recibiches o boletín de Ridimoas con toda a información sobre a asemblea anual deste ano.



Cumprindo co artigo 18 dos estatutos de Ridimoas, convocamos á Asemblea Xeral Ordinaria telemática que se celebrará o vindeiro día 23 de marzo de 2024 (sábado) dende a sede de Ridimoas, ás 11:30 horas en primeira convocatoria e ás 12 horas en segunda; e na que trataremos os seguintes puntos da orde do día:


  1. Aprobación, se procede, da acta da Asemblea Xeral Ordinaria do ano anterior, incluída no boletín informativo.Informe sobre o estado do bosque Ridimoas, da colección museística e dos traballos realizados durante o ano 2023.

  2. Informe económico.

  3. Actividades para o ano 2024.

  4. Rogos e preguntas.


CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA 


Celebrarase ao remate da anterior, co seguinte punto da orde do día:


1.- Nomeamento da Xunta Directiva para o período comprendido entre marzo de 2024 e marzo de 2028. Artigos 16b, 19 e 24 dos Estatutos.


*Como participar das asembleas telemáticas: Cada socia/o recibirá no correo electrónico un convite para participar da asemblea.



VISITA AO BOSQUE 


O domingo, 24 de marzo de 2024, faremos unha visita guiada á parte alta do bosque, por onde transcorrerá o itinerario de visita deste ano; comezando ás 16:30 horas.


ITINERARIO (parte alta do bosque):


Lonxitude: 2,5 km de dificultade media, cunha pendente acusada no ascenso ao contraforte do Valdasmo.


Duración aproximada: dúas horas e media.


Sairemos da contorna da igrexa de Beade, en dirección oeste, ascendendo polo sendeiro da Anduriñeira no polígono 4, atravesando unha importante área de campeo nocturno da avelaiona (Strix aluco) formada polas parcelas 33, 47 e 51 (10.513 m2) mercados por nós. Coa merca das tres parcelas detivemos o avance das viñas e o desmonte do hábitat. Xa no cruce do Valdasmo, seguiremos o camiño real de Ribadavia a Pontevedra ata o mirador do polígono 5 para ver os lindes entre as rexións florais eurosiberiana e mediterránea. Despois subiremos ata o contraforte do Valdasmo (polígono 12) pasando dos 230 aos 308 m de altitude e, dende as penedías do cume, contemplaremos Pena Corneira, a rega da Trigueira e o val cultivado do río Avia (afluente do Miño); logo baixaremos ata a paraxe do Poenxo facendo un alto no hábitat das píntegas (Salamandra salamandra gallaica). Aquí explicarase o ciclo da auga de filtracións, vital para a supervivencia desa poboación de anfibios urodelos, así como a importancia da retirada gradual de eucaliptos (Eucalyctus globulus) e mimosas (Acacia dealbata). Dende o Poenxo volveremos á contorna da igrexa de Beade, regresando polo camiño da Estantiga.


bottom of page