Filmando Gaios
- Paula Rodríguez Domínguez
- 22 mar 2018
- 1 Min. de lectura
Os gaios (Garrulus glandarius) son córvidos fermosos de tamaño parecido ao dunha pomba, moi difíciles de observar no bosque dado o seu carácter esquivo. O que a maioría das veces logramos ver do gaio é a mancha branca na traseira do corpo, mentres desaparece voando entre as árbores, ao tempo que emite un estridente berro de alarma. Témoslle moito cariño aos gaios por seren reforestadores do bosque, ao enterraren landras, castañas ou noces, que logo dan pé a novas árbores.
Para lograr filmar e fotografar a tan desconfiadas aves, empregouse o mesmo escondedoiro do ano 2014, dende o que se obtivo a secuencia do peto real (Dendrocopos major), un escondedoiro do máis artesán, consistente nunha estrutura metálica que reciclamos doutros usos recuberta con lona verde e cun burato polo que asomar o teleobxectivo da cámara. O fotógrafo foi o mesmo, Mani Moretón, e o día elixido foi o 19 de xuño de 2017, cando as mazás da maceira do Poenxo estaban no punto óptimo de maduración. Dita maceira (Malus domestica) fora plantada por alumnas/os do IES O Ribeiro de Ribadavia, en febreiro de 1998.
O escondedoiro colocouse na tarde do 17 de maio, despois da floración da árbore, a 6 metros da mesma, con exposición sur, para que as aves se habituases á súa presenza. Malia a proximidade coa que se filmou, os gaios non desconfiaron e, en media mañá, o traballo quedou concluído. Grazas a isto agora podemos gozar dunhas interesantes imaxes desta ave vital para os nosos bosques.