Guía de como recuperar o bosque tras un incendio
- Paula Rodríguez Domínguez
- 17 oct 2017
- 3 Min. de lectura
O que hoxe se coñece como bosque Ridimoas é unha superficie continua de 500 ha que arderan sucesivamente ata o ano 1976. Dende esta data, evolucionou a un bosque autóctono da bisbarra do Ribeiro, de forma natural e coa nosa intervención a partir do terceiro ano do último grande incendio; aínda que a loita contra as mimosas continúa por ocuparen unha superficie amplísima en toda a zona.
O nome do bosque Ridimoas procede da primeira paraxe recuperada, entre 1979 a 1980, con alumnos e alumnas da Universidade Laboral de Ourense. A asociación xurdiu como tal en 1988, para xestionar a masa forestal e seguir estudando e divulgando a evolución dun bosque galego.
Isto é o que recomendamos a partir da nosa propia experiencia:
O bosque comeza a rexenerarse nada máis pasar o incendio e de forma natural. Polo tanto, non convén facer intervencións iniciais, porque pódese interferir no ciclo de rexeneración: a terra ten que arrefriar, os elementos atmosféricos van intervir tamén.
1. Recomendamos que se faga unha reportaxe fotográfica de todo o entorno, porque nese momento é cando se ve mellor o biótopo (o esqueleto inorgánico do bosque), como os penedos ou algún curso de auga; tamén se debe comezar a anotar os datos meteorolóxicos (temperaturas, humidade, precipitacións) cada dez días, aproximadamente. Neste momento é importante fixarse nas pegadas que poida haber no chan para facernos unha idea da fauna que sobreviviu.
2. Tralo primeiro paso haberá que facer visitas periódicas, nas que observaremos como a herba vai crecendo, grazas a que non ten competencia pola luz. Posiblemente, os primeiros en aparecer sexan a Agrostis curtisii, azafráns bravos (Crocus serotinus),as carpazas, toxos, xestas, etc. Todo isto debe irse anotando.
Antes dun mes, as sobreiras en xeral van reverdecer, e algúns carballos e castiñeiros pode ser que rebroten polas pólas ou polo pé; os piñeiros van expandirse moito por seren unha especie que reacciona ante o lume desprendendo os piñóns, que resisten moi ben o paso dos incendios, igual que os érbedos (arbutus unedo). As especies foráneas como os eucaliptos ou as mimosas, tamén reaccionan favorablemente aos incendios, polo que convén aproveitar para ir erradicándoas do lugar.
En xeral, tódalas especies vexetais de tendencia mediterránea están acostumadas a reaccionaren do mesmo xeito ao lume, á roza e ao pastoreo intensivo, polo que adoitan recuperarse bastante ben. Todo isto vai depender un pouco das condicións climatolóxicas.
Polo tanto, non convén precipitarse e, segundo vai indo a evolución do biótopo podemos ir vendo se merece a pena introducir algunha especie que consideremos que falte, como son os bidueiros, acivros, etc. que a ben seguro poden aumentar a biodiversidade do lugar, aparecendo plantas tan fermosas como Aquilegia vulgaris e, co tempo, nun espazo de arredor dez anos, poderemos ir vendo que o bosque se recupera.
En cen anos, se non hai problemas, o biotopo evoluciona a unha carballeira.
A observación directa dun bosque queimado e fumegante é demoledora pero, tan pronto como a biodiversidade comece a instalarse nel, o labor de recuperación estará en marcha. Nese momento é cando a nosa intervención pode ser moi importante, como a colocación dalgún bebedoiro para a fauna, comedeiros para as aves, regar algunha árbore, etc.
3. Con relación á fauna é vital que aves como o gaio (Garrulus glandarius) visiten o bosque, pois esta especie rexenera de forma natural as carballeiras de Europa, xa que durante o outono enterra castañas, landras e noces no chan, como reserva para o inverno, pero moitos destes froitos xermolan e permítenos ver nacer árbores no medio do queimado.
Os troncos secos, tanto os que están de pé coma os que caen, teñen moita importancia, por criaren neles moitos insectos xilófagos que van ser o alimento básico de aves coma os petos (Dendrocopos major e Picus viridis) que tamén crían neles, e porque ao caeren frean a erosión do solo. O mesmo papel xogan os raposos (Vulpes vulpes), que nos seus excrementos dispersan sementes de cerdeiras, figueiras, érbedos, estripeiros, etc. que revitalizan a biodiversidade do bosque. No caso de que o porco bravo sexa abundante, recomendamos protexer algunhas das árbores que nacen ou que plantamos, facéndolle un cerco de paus, toxos, silvas, etc. que ademais axudan a deter a erosión do chan.
A nosa experiencia ata hoxe é que a recuperación é moito máis rápida do que podemos imaxinar.
Agora ben, a evolución do clima nos últimos anos é distinta a do ano 1976, que foi cando comezamos coa recuperación do bosque Ridimoas.
Fotos da fase inicial:

Agrostis curtisii.

Azafrán bravo

Landras de cerquiño (Quercus pyrenaica)en pola queimada.

Póla rebrotada de Quercus pyrenaica.

Sobreira.

Toxo molar.