top of page

As nosas accións interactúan coa flora e a fauna

No ano 2015 puidemos facer novas observacións do decorrer da vida cotiá do bosque Ridimoas, constatar novas interaccións entre a fauna e a flora e observar como as nosas accións tamén inflúen e forman parte do día a día do bosque. Entre todos os apuntamentos tomados queremos quedarnos co do día 2 de xuño, día no que observamos unha escena tranquila, de normalidade e miúda, pero tamén representativa do pacífica que pode ser a convivencia entre a fauna silvestre e de como ata a máis mínima interferencia nosa pode ter consecuencias.


Todo comezou cando o 8 de setembro de 2014 podamos no bosque un codeso (Adenocarpus complicatus), o cabo dun tempo pasamos por alí e atopamos no codeso marcas dun porco bravo (Sus scrofa) que lle fixera fendas verticais fozando, aproveitando a nosa labor; despois duns días volvemos fixarnos ao pasar con motivo dunha andaina que percorría un tramo do bosque, seguindo o camiño dos arrieiros que vai de Ribadavia a Pontevedra e chamounos a atención ver alí un grupo de bolboretas grandes, algunhas moi raras de ver, examinando con atención comprobamos que fixeran das fendeduras do codeso a súa fonte de alimento preferida; alí estaban, alleas ás arredor de cen persoas que pasaban a carón delas. Como estabamos na andaina non puidemos dedicarlle moito tempo así que volvemos ao lugar unha vez máis dous días despois. As bolboretas seguían alí, e con elas unha bolboreta Polygonia c-album. Comezamos a facerlle fotografías e entón chegou outra máis grande, era unha Catro Rabos (Charaxes jasius) coa traseira das ás bastante deterioradas e que inmediatamente introduciu a espiritrompa por unha das brechas do codeso e comezou a succionar sabia do interior da ferida do arbusto. Pouco despois chegou outra bolboteta Catro Rabos e repetiu a mesma operación. Debaixo das bolboretas había outros insectos: tabáns e formigas. Os tabáns parecían ser do xénero Haematopota, aínda que non puidemos asegurarnos: o mimetismo coa cor do codeso facía moi difícil distinguilos. Pola súa parte as formigas, do xénero Lasius, andaban por alí, sen molestar e sen seren agredidas. Soamente a C-album abriu as ás cando algunha formiga a tocou e iso foi suficiente para que se alonxaran.



Esta estampa de simbiose e convivencia serve para reflexionar sobre como a acción humana inflúe incluso en accións a pequena escala. Este foi un caso de interferencia positiva iniciada pola poda dun codeso, pero non sempre é así. Vimos dun ano marcado no terreo medioambiental polo cume do clima en París, pero a conciencia ten que abarcar tódolos ámbitos, e iso inclúe o respecto polo noso entorno máis próximo, porque a fauna silvestre interactúa connosco a través de tódalas nosas accións no reino vexetal. Sen dúbida, a escena aquí descrita podería ser digna dunha das moitas reflexións que o gran ecólogo, Alejandro Martínez Abraín, realiza no seu imprescindible libro “EL DETECTIVE ECOLÓGICO: REFLEXIONES SOBRE HISTORIA NATURAL”, no que analiza moitos destes procesos ecolóxicos e evolutivos que, xunto coa actividade humana, manteñen a natureza.


Texto e foto de Paula Rodríguez Domínguez.

bottom of page