Búscanse Saturnia pyri
- Paula Rodríguez Domínguez
- 16 oct 2015
- 1 Min. de lectura
Xa estamos a voltas co Boletín para o ano 2016. Desta vez bota a andar unha nova sección sobre a fauna que antigamente era común e que na actualidade é escasa ou está directamente desaparecida no Ribeiro. Agradecemos as suxerencias e datos que poidades aportarnos.
Comezaremos coa Saturnia pyri, lepidóptero noiteiro duns 15 cm de envergadura que a converten na bolboreta máis grande de Europa. No século pasado era frecuente vela no Ribeiro nas portas das adegas e nas lámpadas do alumeado público e na actualidade está desaparecida. Que pasou? que había daquela que hoxe non hai? que hai hoxe que antes non había? Estamos tentando averigualo pero quizais no último interrogante estea a clave pois a derradeira observación da que se ten constancia deste lepidóptero coincidiu co inicio da mecanización do cultivo das viñas e coa estensión do uso de produtos químicos.
Aceptamos as explicacións que poidades darnos sobre os motivos da erradicación desta bolboreta na nosa bisbarra ou, se hai sorte, que nos contedes que a tedes visto recentemente!

(Debuxo tomado do natural por Pablo Oitabén)