top of page

Saramaganta

Hoxe, 13 de decembro, devolvemos ao seu hábitat nas ribeiras do río Brull, unha saramaganta (Chioglossa lusitanica) de 12 cm de longo, recollida nunha casa de Francelos (Ribadavia, Ourense) onte á noite; sendo esta a segunda cita da especie na mesma localidade. A primeira débese ao biólogo Xusto Veloso Moreda, quen observara un espécime en 1996, no mesmo hábitat onde esta foi soltada.


Chioglossa lusitanica é unha rareza zoolóxica que nos chega da noite dos tempos de cando Europa era unha selva húmida. Sobreviviu a cambios climáticos e a glaciacións, atopando nalgúns recunchos de Galicia, do norte de Portugal, no occidente de Asturias e en contados puntos de Cantabria, unha esperanza biolóxica que a salvou da extinción a nivel planetario.


Para Ribadavia, confirmar e documentar en Francelos a presenza desta píntega primitiva, debe supoñer unha gran responsabilidade de cara a protexerlle o hábitat e manter nas mellores condicións de pureza a auga e as ribeiras do río Brull.


bottom of page