Incendio no Bosque Ridimoas
- Paula Rodríguez Domínguez
- 1 oct
- 2 Min. de lectura
No mes de agosto, tivo lugar o primeiro gran incendio de Ridimoas en 50 anos. O lume comezou o día 15 e durou ata o día 18. A partir de aí, continuaron os efectos do lume con pequenos conatos, fume e o solo moi quente durante varias semanas. O incendio comezou no polígono 5 do concello de Beade, en dúas parcelas que non eran propiedade de Ridimoas pero que se encontran dentro do espazo forestal. Na zona abundaban grandes piñeiros (Pinus pinaster) nos que criaba o falcón pequeno (Falco subbuteo) e o peto real (Dendrocopos major) entre outros, quedando este terreo carbonizado. O resto da parte alta do bosque viuse afectada principalmente no solo e no mato, causando leves danos ás carballeiras. A recuperación das árbores, arbustos, etc. vai depender de como evolucione o tempo atmosférico. Como se pode comprobar nos datos meteorolóxicos, levamos dende o mes de maio sen rexistrar choivas significativas, nunha onda de calor interminable que dura ata o día de hoxe.

Ilustración de Pablo Oitabén
Calculamos que o 80% da superficie da parte alta do bosque está afectada directa ou indirectamente, no só polo incendio de Ridimoas senon tamén polo lume que avanzou vorazmente cara o noso bosque procedente do veciño concello de Carballeda de Avia, cunha fronte de varios quilómetros. Durante o verán estiveramos facendo silvicultura e labores de vixilancia, pero non estabamos preparados para afrontar un lume como o citado de Carballeda de Avia, que chegou a nós cun bosque que xa estaba soportando unha gran seca, con vento forte e sen que acudiran medios de extinción oficiais; isto provocou que os dous lumes se acabaran xuntando.
Actualmente, estamos subindo á zona case diariamente para deixar auga, comida e regar árbores afectadas que cremos que con axuda poden sobrevivir. Afortunadamente, estamos observando como, a pesar da seca, o bosque comeza a rexenerarse, e como a fauna mantense fiel ao territorio. Agora, esta parte de Ridimoas, precisa repouso para que poida recuperarse pouco a pouco e que a fauna se sinta tranquila. Nun futuro, iremos avisando de posibles accións que sexa necesario levar a cabo.
Queremos agradecer todo o cariño que recibimos das persoas que formades parte de Ridimoas: as que vos achegastes a combater o lume, ás que nos contactastes para ofrecer todo tipo de axuda, para traer comida, para mostrar apoio e facer donativos económicos, etc., sentimos un desbordamento de tanto agarimo recibido. Non sempre se puido atender todas as mostras de apoio como se merecen debido ás circunstancias, pero demostrastes que esta asociación mantén a súa fortaleza nas persoas que a compoñen e dá esperanza para o futuro do bosque.
GRAZAS!
































Comentarios