Pasiño a pasiño faise o camiño
- Paula Rodríguez Domínguez
- 6 ago 2019
- 2 Min. de lectura
E por fin unha boa nova! O concello de Ribadavia comeza a dar os primeiros pasos para protexer as areeiras do río Avia tras ser abordado e aprobado no pleno municipal de xullo. Este é un hábitat fundamental para a supervivencia do sapoconcho europeo (Emys orbicularis), no que tamén está presente o sapoconcho riscado (Mauremys leprosa) e outras especies de réptiles, aves como a garza pequena (Ixobrychus minutus), que cría aquí, e insectos como a libélula Macromia splendens, que lle aportan unha gran riqueza en biodiversidade a este espazo palustre. Esperamos que os pasos continúen a darse!
Primeiros pasos para declarar espazo natural o areal do Avia

O areal ten catalogadas 60 exemplares de sapoconcho europeo, unha especie en perigo de extinción
O Concello de Ribadavia xa comezou a dar os primeiros pasos para conquerir que o areal existente ás beiras do río Avia, na localidade de San Cristovo, sexa declarado Espazo natural de interés local (Enil) pola Consellería de Medio Ambiente. Neste sentido, a Corporación municipal aprobou por maioría unha proposta do grupo Ribeiro en Común orientada a que o goberno local inste á Xunta a iniciar o correspondente expediente para obter a devandita declaración. Ademais, o Concello deberá solicitar a colaboración dos colectivos e asociacións ecoloxistas, coma é o caso de Ridimoas, co obxectivo de dispor dos informes que sexan precisos sobre a fauna e flora desa contorna fluvial.
Ó respecto, Ribeiro en Común lembrou as tarefas de conservación desenvoltas pola asociación Ridimoas, que no areal de San Cristovo ten catalogadas 60 exemplares de sapoconcho europeo, unha especie que figura en perigo de extinción no inventario elaborado pola Consellería de Medio Ambiente. Os ecoloxistas de Ridimoas atoparon o pasado mes de xuño neste enclave do río Avia unha tartaruga centenaria, que foi recollida e devolta ó seu hábitat natural logo de facerlle un estudio zoométrico. A proposta do grupo da oposición foi apoiada polo equipo municipal de goberno do PP e tamén pola concelleira do BNG, mentres os catro ediles do PSOE abstivéronse.
Texto: X.A. Reboiro
La región 06/08/2019