top of page
Buscar

A noite máis longa do ano

  • Paula Rodríguez Domínguez
  • 16 oct 2017
  • 1 Min. de lectura

Esta noite foi moi dura en Galicia e tamén para nós no Ribeiro, onde houbo unha das catro vítimas mortais.


Todo arde, e xa non soprende a ninguén este terrorismo medioambiental que padecemos, nin as condicións climatolóxicas adversas acentuadas, que son factores terribles pero tamén de sobra coñecidos e que non se asumen na política de incendios da Xunta, que sempre parece superada, sen planificación, sen prevención, sen reacción.


En Ridimoas foi a noite máis longa do ano, finalmente o lume non entrou no bosque pero non lle faltou moito, e todo despois dunha tarde de loita contra a caza que tamén nos cercaba. Porque si, a todo isto hai que sumar que, naqueles redutos de bosque galego nos que non houbo incendios e que sofren a sequía extrema cunha fauna ao límite da supervivencia, a vaga da caza entrou sen pudor, coa axenda inalterable dunha Administración destrutora e sen estima polo propio, que asfixia Galicia. Porque onte comezou a caza, que se uniu a esta crueldade que nos asola e que tamén contribúe a destrución do noso patrimonio.


Hoxe ás 20 horas hai concentracións por toda Galicia, tamén en Ribadavia, O Carballiño e Ourense; nós iremos.


Xa non quedan paraísos nos que refuxiarse.


 
 
 
bottom of page