top of page

A sexta árbore do calendario druídico das árbores é o escambroeiro tamén chamado espiñeiro albar, estripo bravo e escalleiro. En castelán ademais de espino albar, tamén se chama majuelo. Pertence á familia das ROSACEAE. Tamén se coñece como “árbore de maio”; en inglés may sinifica mes de maio e tamén flor do escambrón e de aí se tira que o refrán “Ne'er cast a clout till May be out” debe ser interpretado como “non cambies as roupas ata que non floreza o escambrón (hawthorn). 

 

Escambroeiro é para nós unha palabra familiar: é abondoso en Ourense, e apreciado porque nel se facían os inxertes de pereiras. Eu tardei en aprender que ese nome tan “abrupto” correspondíase con alquel do romance que aprendín de nena e que logo oín a Paco Ibáñez: no romance anónimo do s. XV Romance del Conde Niño fálasenos dun amor imposible entre un Conde e unha Princesa; a ambos os dous manda matar a raíña; xa mortos : …de ella nació un rosal blanco,/ de él nació un espino albar;/ crece el uno, crece el otro,/ los dos se van a juntar;/ las ramitas que se alcanzan/ fuertes abrazos se dan,/ y las que no se alcanzaban/ no dejan de suspirar./ La reina, llena de envidia,/ambos los mandó cortar;/ el galán que los cortaba/ no cesaba de llorar;…

 

Tamén lembro adornar de pequeña, na máis profunda Galicia franquista, os altares de maio para a Virxe na escola con ramallos de escambrón, que enchían de fragancia o corredor e de rabuñazos as nosas mans.

 

DEICA O CORENTA DE MAIO...O ESPIÑEIRO OU ESCAMBRÓN

 

Autora: Marga Seara.

Ano: 2014

 

 

 

 

Máis tarde aprendín moitas máis cousas desta árbore, relacionadas unhas cos seus usos terapéuticos relaxantes e cardiotónicas; outras coa súa mitoloxía, como que a coroa de espiñas de Cristo estaba feita desta árbore (ramnos, aínda que puidera ser calquera outra con espiñas) pasando así a ser unha árbore que trae mala sorte ou “infausta”. Tamén soubemos que San José de Arimatea cando chegou a Glastonbury chantou a súa caiada no chan e alí naceu un escambrón que ten como particularidade única, parece que aínda existe, dúas floracións, unha en maio e outra no mes de Nadal, e que é costume levar flores desta árbore á mesa por Nadal. Na Kabilia, o escambrón é invocado nun sortilexio cantado polas mulleres adúlteras para que os seus maridos non se decaten da súa falta. Na Idade Media dísenos que se facemos unha infusión con él terá o poder de sanarnos das mordeduras das serpes, e se o levamos seco en forma de amuleto espantaráas; o Peri botanón, un pequeño tratado de botánica anónimo grego dinos que esa árbore é boa para as dores de cabeza e meigallos ou malos espíritus (dáimones). 

 

Na mitoloxía celta forma parte da tríada dedicada ás fadas, xunto con freixo e o carballo. O escambrón estaba consagrado ás fadas e frecuentado por elas, sobre todos as árbores que formaban un círculo de tres ou máis. Pero había que ter conta pois sen os debidos rituais unha rama florida podía atraer a morte a unha familia. Aínda así empregábase en rituais de vodas e festividades relacionadas coa fertilidade, pendurando as ramas fóra da casa. Pero non só é relevante nesta mitoloxía, senón tamén na grega e romana, indoeuropeas todas, ao fin.

 

En Grecia era a árbore de Maia, feiticeira nai de Hermes. Alí aplacábana nos casamentos, posto que as vodas para esta deusa malévola eran odiosas, con fachos feitos de madeira de escambrón; vemos logo como ten a mesma natureza dual que entre os celtas. Os gregos durante a época que coincide máis ou menos co noso mes de maio, varrían os templos e lavaban as imaxes dos deuses; adoitaban ir con roupas vellas e ademais abstíñanse de practicar sexo, ou iso nos di a tradición. Era o mes de preparación para o solsticio de verán.

 

 

 

 

 

 

 

Di Ovidio no libro VI dos Fasti que o deus Xano fixo a súa variña máxica a partir dun espiño branco co poder de afastar dos meniños os meigallos, por iso colocaban ramiñas de escambrón a carón do berce para que o neno enfermo recobrase a saúde. Mais en Roma o escambrón estaba consagrado á deusa Cardea, en orixe unha ninfa que habitaba nos bosques dos arredores de Roma antes de que se fundara esta cidade; foi violada por Xano quen a cambio lle concedeu o privilexio de protexer as portas. Era adorada na festividade de Beltane, o primeiro de xuño, e esa data era coñecida como carnai ou kalendas das fabas, visagra do ano. Adoitaban pendurar máscaras, bolas e figuriñas (oscilla) nas entradas das casas e nas árbores no honor a Cardea. Esta festividade de Beltane tamén foi unha antiga e pagá festa lunar gaélica que se celebraba a principios de maio: os druídas encendían un lume nos outeiros e alí se levaban os animais a purificar. Se refollamos algo nos autores romanos que tratan sobre tradicións atopamos que Plutarco xa se interroga sobre o porqué de que os romanos non celebren vodas no mes de maio, se acaso se debería a que era durante este mes no que se realizaban as meirandes cerimonias de purificación. Ovidio nos Fasti indícanos que os días infaustos rematan o 15 de xuño.

 

Enfiando as tradicións romanas coas gregas e mesmos coas celtas cabería afondar no verdadeiro significado do refrán “deica o corenta de maio non quites o saio”, que traducido podería querer dicir: non quites as roupas vellas e poñas roupas novas ata que non rematen as datas infaustas, un pouco máis aló dos primeiros de xuño, moito máis ancestral que a interpretación usual. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Marga Seara. (Maio de 2014)

Fotos: Pablo Oitabén.

 

 

bottom of page