top of page

Os toxos, arbustos moi espiñosos de flores amarelas ou alaranxadas, son orixinarios da Europa Atlantica e, nalgún caso, tamén do norte de África. Hai unhas 20 especies distintas, 15 das cales están presentes na Península Ibérica e 10 son exclusivas - endémicas - desta. En Galicia as toxeiras son máis abundantes nos montes de clima atlántico, facéndose máis raras cara o interior mediterráneo ou continental. Ademais do clima, o empobrecemento dos solos forestais, debido a frecuentes incendios, despraza aos toxos fronte as uceiras e carrascos.

 

Tradicionalmente distínguense onda nós dous tipos de toxos, o toxo arnal, de maior tamaño, da especie Ulex europaeus, (no noso caso U. europaeus subsp. europaeus), e o toxo molar, Ulex minor, de flores e espiñas máis pequenas, sendo estas as dúas especies que medran en Ridimoas. Semellante ao último é Ulex gallii subsp. breoganii, con espiñas e flores algo máis grandes, que medran non lonxe do noso bosque, podendo atoparse tamén preto algunhas especies espiñosas semellantes a toxos do xénero Genista, como G. triacanthos.

​

Hoxe en día practicamente desprezados, os toxos foron, ata pasada a 1ª metade do século XX en que se desenvolveron métodos para obter nitratos sintéticos a un prezo asequible e os estercos de granxa abundaron, a base do sistema agrogandeiro galego e a planta máis valorada dos terreos forestais. Eles permitiron o delicado equilibrio entre o campo e o monte que posibilitou a gran densidade de núcleos de poboación que caracteriza a Galicia. Ademais de propiciar unha agricultura intensiva usados como abono, máis ou menos fermentados con excrementos, daban combustible para as lareiras, pasto para o gando, "pavimento" para cortes e camiños, e permitían colleitas rotacionais de cereal no propio monte mediante o sistema de "rozas" ou estivadas. Mostra da súa popularidade é que as súas sementes vendíanse nas feiras. A pesar do que poida parecer, o toxo arnal era o máis sementado e, tamén é o que, levado polo home, sobre todo con fins ornamentais, ten chegado a máis lugares, atopándose hoxe en día naturalizado en lugares tan distantes como o Norte e o Sur de América, Australia, Nova Zelanda, Hawai, Sri Lanka, Illa Reunión ou o sur de África, iso si, sempre fora de climas áridos ou moi frios, constituíndo na maioría destes lugares unha importante praga, tanto en cultivos ou pradarías como en espazos protexidos, e causando grandes problemas para a súa erradicación ou control.

 

 

 

OS TOXOS 

 

Autor: Xusto Veloso

Ano: 2006

 

 

 

 

98a900_b305907d7ba14d219cf2591b069b761d.
20200118_125146.jpg

Toxo arnal. Foto: Valeiras

Toxo molar. Foto: Sabela Touza

 

Varios factores son a causa do seu éxito: a súa capacidade para agromar de novo despois de arder ou ser comido; a elevada persistencia das súas sementes no medio, pero sobre todo ao tratarse dunha leguminosa que, como o resto de plantas desta familia, ten a capacidade para aproveitar parte dos nitratos que bactérias do xénero Rhizobium presentes nas suas raíces sintetizan a partir do nitróxeno gasoso da atmósfera, permitindo a estas plantas medrar mellor e facéndoas ademais especialmente ricas neste importante elemento.

​

Con todo, os toxos progresan alí onde o home fixo desaparecer os bosques, sendo o desenvolvemento destes a mellor forma de controlalos. En calquera caso, se algunha vez ides de viaxe a algun destino exótico, aínda que botedes de menos as chorimas (flores dos toxos) mirade ben en petos e maletas, non vaiades levar algunha semente.

​

Os nitratos son indispensables para a nutrición das plantas porque a partir deles estas forman substancias tan indispensables para a vida como as proteínas ou os ácidos nucleicos. Como os nitratos son prácticamente inexistentes nas rochas do solo, nos ecosistemas naturais, o aporte deste composto procede dos excrementos animais, da reciclaxe da materia orgánica e da transformaicón do nitróxeno atmosférico. Esta transformación realízana sobre todo organismos procariotas, ben libres ou, de xeito máis importante, formando unha relación simbólica dentro de pequenos nódulos nas raices de algunhas plantas, como as leguminosas ou os amieiros.

 

 

Boletín 2006 de Ridimoas

Fotos: Valeiras e Sabela Touza.

​

IR A ÍNDICE DE ARTIGOS 

 

bottom of page