top of page

Coello bravo (Oryctolagus cuniculus algirus)

Ata os anos setenta do pasado século XX, o coello bravo era un mamífero común no ecosistema de Ridimoas. Nesas datas chegou ó Ribeiro a peste, denominada mixomatose, que é unha enfermidade de etioloxía vírica. Con anterioridade, os mortíferos efectos da mixomatose manifestáranse en outubro de 1952 na rexión francesa de Rambouillet, onde un propietario do departamento de Eure-et Loir, para acabar cos coellos da súa finca, inxectara un virus a varios coellos e despois ceibáraos para que contaxiaran a outros. A peste propagouse rápidamente: pasou os Pirineos e invadiu a Península Ibérica.

Cando, despois de varios anos, os coellos lograban sobrepoñerse á mixomatose e volvían a recuperar poboación, empezaron a padecer unha nova doenza: a hemorráxica vírica. Esta fatal enfermidade apareceu en 1984 na China. En 1986 foi detectada en Italia e en 1988 xa estaba en España infectando todo o territorio en dous anos do seguinte xeito: os virus empezan a multiplicarse no intestino, fígado, bazo, endotelio e sistema inmunitario dos coellos orixinándolle coagulación intravascular con morte por tromboembolias e por fallo cardiorespiratorio.

 

Do exposto anteriormente, decúdese que o futuro do coello bravo ou coello de monte autóctono, non é nada prometedor. O seu quilo de carne, con rabo pequeno e orellas grandes, alimentou a pedradores durante catro millóns de anos (segundo o rexistro fósil). O simpático corpo dos coellos fixo que o noso ecosistema prosperase...había coellos por todas partes: eran rústicos e resistentes; nin as adversidades climáticas, nin a presión dos carnívoros, nin as actividades cinexéticas humanas lle restaban poboación. Parece ser que a súa estampa impresionou tanto ós antigos fenicios que o relacionaron cos damáns que eles coñecían...e nomearon a terra, na que o animal vivía, co nome de I-saphan-in que significa costa ou terra de damáns. O inicial nome fenicio derivaría na terminoloxía romana: Hi-span-ia que o tempo remataría na actual palabra: España.

 

As últimas observacións dos coellos bravos, en Ridimoas, redúcense ás paraxes do valdasmo e Poenxo, ó sueste do ecosistema, onde o hábitat aínda lles é algo propicio. Nesas dúas paraxes colindantes, a vexetación alóctona de mimosas e aucaliptos vaille restando calidade ó entorno, polo que debemos iniciar un estudiado manexo do hábitat do coenllo (chamado así no Ribeiro) aínda que dentro do actual refuxio de fauna é moi codiciado por cazadores de escopeta que non desaproveitan a oportunidade que se lles presenta para cazar alí.

 

Por tanto: mellora de hábitat e vixilancia son accións necesarias para manter a presenza viva do coello bravo autóctono, no ecosistema de Ridimoas, onde nunca se permitiron repoboacións foráneas, tan prexudiciais para a subespecie orixinal.

 

Fotos: Moncho.

 

bottom of page