No ano 1999 fíxose un estudio bastante completo do río A Barbaña que cruza Ridimoas polo punto norte, servindo de linde natural entre os concellos de Beade e Leiro. Podemos considerar que o curso da auga estudiada ten categoría de río, por axustarse á definición que a Consellería de Medio Ambiente no seu Regulamento de Pesca Fluvial, Anexo II (Definicións), do Decreto 130/1997 (D.O.G, nº106, do 4 de xuño) textualmente di:
Río: Curso natural, permanente e continuo de auga que flúe por un leito entre o seu nacemento e a desembocadura noutra masa de auga continental ou no mar.
O río A Barbaña pertence á conca do Miño, subconca do Avia. Ten dúas fontes principais: unha en Faramontaus (Carballeda de Avia) á dereita de Pena Corneira situada a uns 600m s.n.m; e outra á esquerda de Pena Corneira no Lameiro Grande de Orega (Leiro) a uns 420m s.n.m.; recorrendo un total de 9,5km ata desembocar no río Avia por Bieite (Leiro) a 78m s.n.m. Das dúas fontes, a do Lameiro Grande de Orega é a que se mantén nun mellor estado de conservación; entanto que a de Faramontaus atópase máis alterada e máis contaminada pola ocupación humana. Os dous cauces conflúen nas Ínsuas de Beiro (Carballeda de Avia), a 120m s.n.m. Antes da confluencia, ambos cauces reciben diferentes nomes: o da dereita, procedente de Faramontaus, denomínase Regato do Caroceiro, mentres que o da esquerda procedente de Orega, denomínase Regato de Caldelas; mentres que os veciños de Beade e Bieite denominan ó río có nome de A Barbaña.
O RÍO: A BARBAÑA
Autor: Pablo Oitabén.
Ano: 1999
A Barbaña, cun caudal medio de 500 litros por segundo na desembocadura e con 15km2 de conca, discorre sempre por terreos de natureza silícea, composto por granodioritas porfídicas tardías de Pena Corneira e os granitos da parte baixa do Ribeiro. Toda a subconca goza dun clima oceánico-mediterráneo, sobre todo ó descender en altitude dende os 400m s.n.m. onde se sitúa o límite das viñas.
Flora e Fauna
Das árbores que conforman o bosque de ribeira, moi ben conservado ó longo de todo o curso, destaca o amieiro (Almus glutinosa) a abeleira (Corylus avellana) e o carballo (Quercus robur); dos arbustos abundan o vimbieiro (Salix rubens) o salgueiro (Sambucus nigra) e o lúpulo (Humulus lupulus). Das herbáceas podemos citar a aguieira (Aquilegia dioica). Os fentos son abundantes e entre outros atopamos o falso fento macho (Dryopteris affinis) a fenta (Blechnum spicant) e o fento real (Osmunda regalis). Entre a fauna destaca: a troita (Salmo trutta fario) a ra patilonga (Rana iberica) o lagarto das silveiras ou dos muíños (Lacerta screiberi) o merlo rieiro (Cinclus cinclus) e o rato aguaneiro (Galemys pyrenaica).
A valoración final dos bioindicadores e da análise da calidade auga: temperatura, conductividade, PH, osíxeno, % salinización, osíxeno disolto (MG/L) e transparencia, permítenos dicir que a Barbaña ten aguas naturais ben osíxenadas, lixeiramente ácidas que se ven afectadas nalgúns tramos polos vertidos domésticos, agrícolas e industriais dos núcleos rurais polos que discorre; aínda que os efectos dos vertidos sobre a vexetación da ribeira e sobre a fauna non se poden valorar, na totalidade, xa que debían ser cuantificados mediante a análise doutros parámetros.
Boletín 1999 de Ridimoas
Fotos: Xusto Veloso e Paula R. Domínguez