top of page

2018: 30 anos defendendo o bosque autóctono

O bosque Ridimoas é unha masa forestal continua, con categoría de Refuxio de Fauna, situado na comarca ourensá do Ribeiro. Na actualidade abrangue unhas 500 hectáreas repartidas en tres concellos e evolucionou de maneira natural a un bosque autóctono da zona, tratándose dun bosque de transición entre a Rexión Floral eurosiberiana e a Rexión Floral mediterránea.


Pero este bosque non sempre foi así. O que hoxe coñecemos como Ridimoas era, até 1976, unha superficie que sufría unha gran presión cinexética e que ardía sucesivamente, ano tras ano, até que en 1977 empezamos a traballar na recuperación do espazo e na sensibilización e divulgación dos valores medioambientais e da riqueza dos bosques galegos e a súa fauna silvestre. Todo comezou cando o fundador e actual presidente da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas, Pablo Rodríguez <<Oitabén>>, iniciou unha actividade extraescolar chamada Lexión Verde, máis tarde Aula Verde, con alumnos da antiga Universidade Laboral de Ourense, na que desenvolvía a súa actividade docente; esta actividade extraescolar consistía en recuperar fauna salvaxe e mais un bosque queimado o ano anterior no concello de Beade, na comarca do Ribeiro.


En 1988 Aula Verde recibiu o premio nacional Ano Europeo de Medio Ambiente, patrocinado por Plus ultra. O devandito premio, dotado con 500.000 pesetas, posibilitou fundar a nosa asociación, coa intención de mercar as terras que hoxe conforman o espazo forestal de Ridimoas, para recuperalas e conservalas. Precisamente, o nome da asociación débese á primeira parcela na que se actuou, denominada Ridimoas (río entre dúas moas), desde entón fomos incorporando novas parcelas até chegar a xestionar as arredor de 500 hectáreas actuais.



30 anos da fundación da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas.


En 2018 cumprimos 30 anos desde a fundación da asociación; durante este tempo recibimos numerosos premios, entre os que destacan: premio da UNESCO, Bandeira Verde de Galicia e o premio Félix Rodríguez de la Fuente. A día de hoxe, temos máis de 1030 socios, que pagan unha cota mínima de 20€ ó ano e que posúen a categoría de copropietarios da superficie forestal que coidamos, que actualmente se estende entre os concellos de Beade, Leiro e Carballeda de Avia; todos no Ribeiro. O noso orzamento anual baséase nas achegas dos socios e mailas visitas guiadas que ofrecemos para coñecer o bosque e o noso traballo. Cada ano tentamos mercar, alomenos, unha nova parcela que incluír na masa forestal, para que Ridimoas siga a medrar, do mesmo xeito que traballamos na conservación e xestión do bosque, favorecendo as condicións naturais para que aparezan especies de flora e fauna ameazadas e se consoliden o resto.


Nestes anos puidemos observar como os falcóns pequenos (Falco subbuteo) volveron ó bosque; tamén como as algarias (Genetta genetta), garduñas (Martes foina), raposos (Vulpes vulpes) e teixugos (Meles meles) expandiron moitas especies arbóreas cos seus excrementos, así como o gran labor do gaio (Garrulus glandarius), ave emblemática dos nosos bosques, que na primavera e verán enterra froitos como a castaña ou a landra, para a súa despensa particular, mais moitos destes froitos acaban xermolando e enchendo o bosque de castiñeiros, carballos, etc.; ademais fomos testemuñas de como as uces (Erica arborea), o érbedo (Arbutus unedo) o acereiro (Prunus lusitanica) e mesmo a cerdeira de acios (Prunus padus), especie case extinta, se abriron paso de maneira natural no noso bosque. E así chegamos á nosa situación actual, na que contamos con arredor de 143 especies de fauna vertebrada e unhas 560 de flora vascular, cun bosque rico en diversidade que evolucionou ó seu propio ritmo.


Mais durante estes 30 anos non todo foi positivo; neste tempo tamén tivemos que facer fronte á ameaza dos incendios e aprender moito sobre a lexislación da caza, sendo pioneiros na merca de parcelas para a súa segregación e protección, instando á Xunta de Galicia, nos nosos primeiros anos, á creación da figura <<Refuxio de Fauna>>, xa que o noso caso resultou ser a primeira solicitude neste senso. Pero non é suficiente, ano tras ano, os cazadores acosan á fauna metendo ós seus cans dentro do bosque para forzala a fuxir fóra da zona protexida, e mesmo entran en Ridimoas coas súas escopetas dispostos a arrasar; foron numerosos os enfrontamentos e mailas ameazas recibidas, denunciadas en máis dunha ocasión, sen que a Administración nos brindase apoio tan sequera unha vez.


Ademais, hai que sumar o feito de que en Galicia hai anos que as nosas paisaxes naturais están a sufrir gravísimas alteracións, incluíndo, entre outras, a plantación de eucaliptos (Eucalyptus globulus) con fins económicos, o avance esaxerado da agricultura e tamén a expansión das mimosas (Acacia dealbata), esta especie con categoría de praga e forte presenza na zona do Ribeiro. De feito, a batalla pola erradicación das mimosas ocupa boa parte do noso esforzo, tarefa constante que endexamais remata e para a que tampouco se pode contar cunha Administración disposta a actuar e frear a progresión das especies foráneas.


Seguiremos coidando do noso bosque, conservando e divulgando os valores ecolóxicos e de sustentabilidade, que deberan ser os de todos, loitando para que o bosque autóctono de Galicia teña unha oportunidade e sobreviva; para logralo, os nosos socios son a nosa forza e a nosa esperanza, e por iso lles estamos profundamente agradecidos: grazas por estes 30 anos.



Paula Rodríguez.

Secretaria da Asociación Cultural Ecolóxica Ridimoas.

bottom of page